O II Congreso Internacional Carlos Fernández-Nóvoa naceu en 2016 para render unha homenaxe ao profesor da Escola Galega de Dereito Industrial da USC que lle dá nome, que foi mentor de moitos docentes da Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo. Dous anos despois, o simposio volve ao campus de Vigo para debater sobre as novas tendencias do dereito da competencia e a propiedade industrial e farao hoxe luns e mañá martes a través de 37 conferencias a e comunicacións e da man de ponentes destacados procedentes, por exemplo, da Universidade de Columbia, da UNAM de México ou da Organización Mundial da Propiedade Intelectual.
En total, preto dun cento de persoas participan nestas xornadas nas que se abordarán temas relacionados coa propiedade industrial e intelectual e o dereito da competencia dende diferentes perspectivas. Por exemplo, segundo indican os responsables da organización, os catedráticos Anxo Tato e Julio Costas, entre os principais retos no eido do dereito da competencia e da propiedade industrial está o Proxecto de Lei de protección dos segredos empresariais, que se atopa actualmente en tramitación e a través do que se plantexa, por primeira vez no ordenamento español, un texto legal integramente dedicado á protección dos segredos empresariais ao marxe da Lei de Competencia Desleal. Outro dos temas que se abordan neste congreso é a reforma do Dereito de marcas, “reforma recentemente aprobada a nivel comunitario e pendente de incorporación ao ordenamento español, e que aborda cuestións tan transcendentais como, por exemplo, a posibilidade de que olores, sons ou outros signos que non son susceptibles de representación gráfica, sexan rexistrados como marca”. Tamén se analizarán as novas tendencias no réxime da publicidade difundida a través de influencers, e particularmente “as esixencias que deben formularse para que esta publicidade sexa suficientemente identificable como tal polas persoas consumidores ás que se dirixe”. Finalmente, os especialistas participantes tamén afondarán nos dereitos de defensa das empresas nos procedementos que se sigan fronte a elas por prácticas anticompetitivas e, entre outras cuestións, “tamén certos aspectos de cláusulas anticompetivas en contratos de distribución ou os aspectos procesuais da Directiva de danos antitrust así como o seu impacto na denominada política de clemencia”.