Tres edicións e as tres en Vigo. Este luns arrancou na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo a III edición do Congreso Internacional Carlos Fernández Novoa. Novas tendencias no dereito da competencia e da propiedade industrial e intelectual, un encontro que consolida á cidade de Vigo como sede do congreso “máis importante de España nesta materia”, tal e como salientan os seus coordinadores, os profesores da Área de Dereito Mercantil, Pablo Fernández Carballo-Calero e Francisco Torres, que fan tamén fincapé en que se trata dunha “oportunidade inmellorable” para analizar, “da man dos principais especialistas”, as novidades que se produciron no ámbito do dereito da competencia e da propiedade industrial ao longo dos dous últimos anos.
Por diante quedan dous días para falar sobre os retos e as novas tendencias que as tecnoloxías de Internet presentan para o comercio, a publicidade, os dereitos exclusivos da propiedade industrial ou as leis antimonopolio. “O obxectivo é pór en común as problemáticas máis novidosas que se están formulando nestes ámbitos e anticipar aquelas que se poden producir no futuro próximo”, tal e como salientaron os organizadores.
O encontro, que serviu tamén de marco para a presentación dun novo volume da revista Actas de Derecho Industrial y Derecho de Autor, estaba previsto que se celebrase o ano pasado pero, debido á pandemia, aprazouse ata este ano, celebrándose agora en formato semipresencial, con parte dos asistentes e dos poñentes seguindo o encontro no salón de actos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e, outra parte, a través do Campus Remoto da UVigo. “Á marxe dos relatores que forman parte dos paneis, contamos coa participación de 30 investigadores que presentarán comunicacións sobre temas moi variados o cal xa é un éxito e un síntoma do interese que espertou este evento”, recalcan os organizadores.