III Congreso Carlos Fernández-Nóvoa: Novas tendencias no Dereito da competencia e da propiedade industrial e intelectual

Os días 27 e 28 de setembro e 4 e 5 de outubro de 2021, de 12 a 14 horas, celebrarase na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo a III edición do Congreso Internacional Carlos Fernández Nóvoa: Novas tendencias no dereito da competencia e da propiedade industrial e intelectual.
O Congreso terá formato semipresencial, coa posibilidade de participar de forma en liña ou presencialmente ata o límite de aforo Covid-19 permitido nas salas onde se celebren as reunións do Congreso.

As propostas de comunicacións para o Congreso poden versar sobre calquera tema relacionado co título do mesmo: Dereito de defensa da competencia; Dereito contra a competencia desleal; Dereito da publicidade; Dereito da propiedade industrial e Dereito da propiedade intelectual. Con todo, terán preferencia aquelas relacionadas co uso da intelixencia artificial e o Big Data no Dereito da propiedade industrial, intelectual e da competencia.

A proposta de comunicación débese enviar, mediante o modelo ou formulario que se achega neste correo, ao seguinte enderezo: saralouredo@uvigo.es, coa información requirida (en particular, o nome e filiación do autor e un breve resumo da comunicación). O prazo para enviar este documento finaliza o 15 de xuño de 2021.
A Dirección do Congreso comunicará a aceptación ou denegación aos interesados antes do 1 de xullo, por medio do correo electrónico utilizado para enviar a proposta. As comunicacións admitidas expoñeranse nun tempo máximo de 12 minutos. A organización do Congreso cubrirá os gastos de aloxamento dos autores das comunicacións que resulten aceptadas e que decidan acudir presencialmente ao Congreso.

A organización do Congreso prevé a publicación dos relatorios e comunicacións. Para estes efectos, na solicitude de proposta de comunicación o autor debe manifestar o seu compromiso de enviar o texto final da súa comunicación antes do 11 de outubro, co obxecto de que a obra colectiva poida publicarse antes de finalizar o ano en curso. As colaboracións deben respectar as normas de edición de Actas de Dereito Industrial (ADI) para os traballos da sección de doutrina, dispoñibles en liña na seguinte ligazón.

Tanto o programa provisorio coma o modelo de comunicacións pódense atopar na páxina web do grupo DMT.